Oct 5, 2026
As persoas coidadoras e a soidade non desexada
A pesar dos cambios sociais e normativos das últimas décadas, os coidados continúan recaendo principalmente nas mulleres e nas familias. A persistencia da figura da coidadora informal, xunto coa crecente presenza de coidadoras internas migrantes, evidencia as limitacións do actual modelo de atención á dependencia. Neste contexto, a soidade non desexada afecta tanto ás persoas coidadas como ás coidadoras, poñendo de manifesto a necesidade de avanzar cara a un sistema público de coidados máis xusto, corresponsable e inclusivo.

Nas últimas décadas, as persoas coidadoras viviron profundas transformacións sociais, mais a súa realidade cotiá segue estancada entre promesas baleiras e escasos avances no eido dos apoios, os dereitos e a conciliación.
Ao longo da historia, os coidados foron actividades invisibles, asignadas case en exclusiva as mulleres, consideradas "naturais" e ligadas ás obrigas familiares tradicionais. Malia que a incorporación da muller ao mercado laboral e o recoñecemento dos dereitos de igualdade modificaron lixeiramente as dinámicas do fogar, a atención á dependencia segue recaendo de forma abafadora nas familias e, máis concretamente, nas mulleres. A isto engádese a redución do tamaño das unidades de convivencia, o que limita drasticamente a posibilidade de compartir esta carga. Se ben a creación do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia en 2006 nacera co propósito de garantir un respaldo público, rematou por consolidar un modelo mixto onde a figura da coidadora informal continúa a ser o alicerce fundamental.
Un exemplo claro disto é a prestación económica vinculada aos coidados na contorna. Concibida na lei estatal como unha medida excepcional, esta axuda experimentou un aumento exponencial de solicitudes en Galicia tras a súa reforma autonómica en 2024, baixo o nome de Bono Coidado. Deste xeito, en vez de reducir a sobrecarga e ofrecer servizos directos, devolveu a responsabilidade aos fogares, precisamente en contornas onde os recursos públicos son escasos ou inexistentes, como ocorre no disperso rural galego.
Á figura clásica da coidadora familiar súmase unha realidade emerxente: a das coidadoras internas, na súa maioría mulleres migrantes, que se converteron nun pilar do sostemento do sistema informal de coidados. A súa situación pon de manifesto unha dobre vulnerabilidade: por un lado, o esgotamento físico e emocional dun traballo altamente demandante; por outro, a precariedade laboral e o illamento social, especialmente agudo no rural.
É precisamente neste punto onde emerxe un aspecto determinante: a soidade non desexada, que golpea tanto a quen recibe os coidados como a quen os presta. A ausencia de redes de apoio, a falta de conciliación coa vida persoal, a obriga de asumir o coidado en solitario e a invisibilización social alimentan un sentimento de illamento que impacta negativamente na saúde. A soidade non desexada xa non é só un efecto secundario, senón un risco engadido que intensifica a fraxilidade do modelo actual de atención.
Así, a atención á dependencia e aos coidados é un vello desafío que nin as políticas públicas nin os sistemas de protección social souberon resolver adaptándose ás necesidades reais das persoas. A isto engádese que as estratexias contra a soidade non desexada gañaron espazo no discurso institucional, malia que rara vez inclúen ás coidadoras como un colectivo prioritario e vulnerable.
Neste contexto, o traballo social, como disciplina comprometida coa xustiza social, ten a obriga moral e profesional de revisar criticamente os modelos de intervención vixentes e identificar as causas estruturais que perpetúan esta precariedade. Atender estes retos implica dar voz ás experiencias destas mulleres e transformar o deseño das políticas públicas pasando dun modelo meramente asistencial a un verdadeiro sistema público corresponsable e xusto, onde coidar non signifique quedar na sombra.
Detalles
data
CategorÍA
GETS-IT
lECTURA
5 minutos
Autoría

Ana María Rodríguez González
Traballadora Social do SERGAS
Profesora interina da UVigo e traballadora social no SERGAS. Doutora en Traballo Social, con mestrados en Xestión de Servizos Sociais e en Educación, Xénero e Igualdade. Investiga coidados, dependencia, xénero e saúde.
NovAs relacionadas


