Jun 2, 2026
Historia do Jane Addams Education Innovation Lab
O Jane Addams Education Innovation Lab é un grupo de innovación docente da Universidade de Vigo formado por profesorado de diferentes disciplinas comprometido coa mellora continua da calidade educativa.

O Jane Addams Education Innovation Lab é un grupo de innovación docente da Universidade de Vigo formado por profesorado de diferentes disciplinas comprometido coa mellora continua da calidade educativa. Formalizado en febreiro de 2025, actualmente está coordinado polo profesor Rubén González Rodríguez e forman parte del un total de 17 persoas, todas elas persoal docente e investigador das universidades de Vigo e Santiago de Compostela. A súa misión é investigar, deseñar e aplicar prácticas pedagóxicas innovadoras que respondan ás necesidades actuais do ensino superior e promovan unha aprendizaxe máis activa, inclusiva e significativa, especialmente naquelas competencias dirixidas á intervención socioeducativa.
O nome escollido polo grupo non é casual, xa que pretende dar visibilidade e recoñecemento a una das figuras históricas máis recoñecidas na disciplina do Traballo Social, pero que ten fortes ancoraxes coa pedagoxía social e coa educación das persoas máis vulnerables e excluídas. Deste xeito, sen ser unha pedagoga no sentido tradicional, si que promoveu con intensidade enfoques educativos que se contextualizasen na propia comunidade, así como o uso da educación como ferramenta para a xustiza social. Entre os seus principais principios pedagóxicos, que compartimos, estarían os seguintes: 1) Educación vinculada á vida real, as aprendizaxes deben estar conectadas cos problemas reais das persoas, tendo como espazo de traballo non só a aula, senón principalmente a comunidade; 2) Aprendizaxes experienciais e situadas, xa que as persoas aprenden mellor participando activamente da súa contorna e do seu contexto; 3) Educación como ferramenta para a transformación social, que permite mudar as realidades e contextos para facelos máis inclusivos para as persoas vulnerables e con dificultades de participar socialmente; e 4) Democracia e participación, xa que cría na educación como base da democracia, de cara a que as persoas aprendan a ser críticas, a convivir e a dialogar para tomar decisións colectivas máis significativas. Unha das súas achegas máis innovadoras foi a creación da Hull House na cidade de Chicago (Estados Unidos). Alí desenvolvía actividades educativas, culturais e sociais tales como espazos de debate para a participación comunitaria, aulas formativas para persoas migrantes, obradoiros de arte e de formación, así como programas de educación para a saúde individual e comunitaria, entre outros. Deste xeito, a Hull House funcionaba como un centro educativo non formal, onde se puñan en práctica as ideas pedagóxicas previamente referidas.
Se ben pasaron máis de cen anos dende a creación da Hull House (foi no ano 1889), o certo é que moitos dos postulados que propugnaban (obviamente contextualizados no noso territorio) nos seguen preocupando. Deste xeito, por identificar un par de exemplos, colaboramos con diferentes entidades da contorna a través de metodoloxías de aprendizaxe-servizo, xa que entendemos que o noso alumnado non debe formarse de costas á sociedade na que vive. Igualmente, nos preocupa o retroceso no sistema de valores occidentais (ou europeos) que parecían gañados logo das crises das grandes guerras; non obstante, a aparición das redes sociais e dos movementos organizados a favor de bulos e discursos de odio cara as persoas máis vulnerables fan necesario que, novamente, incluamos nas nosas aulas a importancia dos valores democráticos e o respecto aos dereitos humanos.
No grupo contamos con persoas especialistas en Traballo Social, pero tamén doutras áreas que nos realizan múltiples achegas que entendemos son imprescindibles para dar respostas reais ás problemáticas emerxentes presentes na sociedade actual. Deste xeito, amais de Traballo Social, contamos con colaboracións de áreas de coñecemento tan dispares como: Socioloxía, Ciencia política e da administración, Antropoloxía, Psicoloxía evolutiva e da educación, Psicoloxía social, Metodoloxía das ciencias do comportamento e Actividade física e deportiva. Entendemos que a suma de todas elas (UBUNTU) nos permitirá afrontar os diferentes retos que a sociedade requira de nós.
Detalles
data
CategorÍA
GETS-IT
lECTURA
4 min
Autoría

Rubén González Rodríguez
Profesor Titular de Universidade
Profesor Titular da UVigo, doutor polas universidades de Santiago e A Coruña. Subdirector do GETS-IT e coordinador do Jane Addams Innovation Lab. A súa investigación céntrase nos sistemas de coidados e servizos sociais.
NovAs relacionadas

