May 14, 2026
Tríscele GETS-IT
O tríscele é un emblema da aprendizaxe perpetua, da capacidade de avanzar, e da forza necesaria para superar obstáculos a través do eterno movemento das súas aspas.

Tríscele GETS-IT
GETS-IT xurde do seu enraizamento local e territorial en Galicia, pero con vocación internacional. É unha declaración de intencións dicir do grupo que interioriza a investigación “situada” no territorio.
Escolleu como imaxe un tríscele de tres aspas que xira cara á esquerda. O símbolo, procedente dos nosos devanceiros expresa, entre outras cousas, os tres grandes momentos vitais de todo ser vivo: o nacemento (o xurdir), o transitar na vida (o camiñar), e a morte (rexurdir) que na nosa cultura convida non ao fin, senón a imaxinar novos xurdimentos, como cando vemos o solpor ao caer a noite.
En termos máis globais, un tríscele representa o pasado, o presente, e o futuro, isto é, o debullar do tempo, convidándonos a honrar as nosas raíces e a non esquecer de onde vimos para poder construír un futuro con dignidade.
As tres espirais entrelazadas do noso tríscele expresan, así mesmo, a evolución e o crecemento constante en todos os ámbitos: a eterna procura de novos coñecementos, de novas experiencias, de máis sabedoría; e no noso caso, tamén a busca de maior xustiza social.
Tamén se considera este tríscele un emblema da aprendizaxe perpetua, da capacidade de avanzar, e da forza necesaria para superar obstáculos a través do eterno movemento das súas aspas. Todo un exemplo de superación, a partir da humildade de quen sabe que a aprendizaxe non remata endexamais.
Outros sentidos se lle teñen outorgado ao tríscele, en especial na cosmoloxía celta, que tamén poden nutrir o espírito de GETS-IT:
Por unha parte, parece mostrar a permanente inter-conexión entre o corpo, a mente e o espírito, necesarios para manter o equilibrio que dá plenitude á vida. Ou como diríamos hoxe, presenta a relevancia dunha concepción harmoniosa dos aspectos bio-psico-sociais e espirituais das persoas coas que nos inter-relacionamos e ás que acompañamos na nosa investigación e na intervención psico-social, en espazos que pretendemos igualitarios, inclusivos e de coidados mutuos.
Por outra, alude á representación do aire, da auga e do fogo que, xunto coa terra, constitúen os principios que xa os filósofos gregos pensaban que formaban parte de cada corpo material. Seguen a ser na actualidade elementos esenciais do único planeta que habitamos xunto a outros seres vivos, en ecosistemas que nos manteñen imbricados á vida, e que defendermos para seren contornas amigables e sostibles.
Por último, sinala a terra, o mar e o ceo, tecidos na nosa cultura mariña, agrícola, e de montaña; lugares diversos que constrúen paisaxes e biografías propias que se complementan entre si e fan de Galicia un país extremadamente plural e rico.
Outros sentidos máis esotéricos ten este tríscele de druídas... Pero xa abonda co dito para percibir onde está ancorado o noso grupo de investigación.
Dende esa posición, GETS-IT ten espírito para navegar e alimentarse doutras tradicións. Non é casual que nas augas deste finis terrae se mesturasen cos nosos antepasados, colonizadores e piratas, ou que o fagan aínda hoxe nas nosas corredoiras viaxeiros, peregrinos, e migrantes... Atoparse co outro, escoitar, enchouparse das súas historias, deprender, deixarse contaminar, de-construír, debullar experiencias, compartir... Ubuntu, ou a afirmación africana de que “eu son, porque nós somos” constrúe decotío o noso sentir e o noso andar...
Levamos con nós, nas nosas redes, as aprendizaxes de inestimables predecesoras de aquí ou de acolá: Jane Addams, reformadora social, pragmatista, feminista, pacifista, defensora dun Traballo Social implicado na súa contorna, situado no territorio, compartido coa veciñanza, comunitario, horizontal; Ida Maud Cannon, impulsora do Traballo Social sanitario, interdisciplinario, bio-psico-social; Concepción Arenal, galega, transgresora, loitadora polos dereitos das mulleres, das obreiras, das presidiarias...; e tantas outras que non nomeamos aquí porque sería imposible.
Collemos prestada unha frase de Concepción Arenal para rematar esta presentación do noso logo, o tríscele, e da nosa misión: “As forzas que se asocian para o ben, non se suman, se multiplican...” E niso pretendemos estar: sementando futuro social para multiplicar xustiza social!
Detalles
data
CategorÍA
GETS-IT
lECTURA
4 Min
Autoría

Carmen Verde Diego
Catedrática de Universidade
Catedrática de Traballo Social na Universidade de Vigo, doutora en Filosofía Política e Moral. Desde 1998 imparte docencia en grao e posgrao e coordinou o grupo de investigación GETS-IT.
NovAs relacionadas

