Sep 14, 2026
Mirar ou ver: a investigación social rigorosa
A investigación social rigorosa permite comprender unha realidade complexa que vai moito máis alá do sentido común e das percepcións intuitivas. Mediante metodoloxías sólidas, produce coñecemento capaz de transformar a sociedade, avaliar políticas públicas, mellorar intervencións e dar voz a colectivos tradicionalmente invisibilizados. Por iso, as Ciencias Sociais son hoxe máis necesarias ca nunca: porque non abonda con mirar a realidade, é preciso entendela.

Faise difícil pensar nun eido do coñecemento máis presente na nosa vida cotiá que as Ciencias Sociais. É habitual que a meirande parte das persoas teña unha opinión concreta sobre o mundo que nos rodea: por que a xente vota o que vota, por que a xuventude se comporta como o fai, por que se rompen ou se sosteñen os vencellos comunitarios... a lista non ten fin. Tal é así, que, en ocasións, tende a terse unha concepción do social coma algo pouco serio ou incluso fóra do coñecemento científico.
Un problema subxacente deste enfoque “intuitivo” é a banalización do coñecemento social, que soterra o seu estudo científico baixo un manto de “sentido común” ou de “opinión subxectiva”, que en moitos casos non é outra cousa que unha fotografía borrosa da realidade: capta a contorna, pero perde o detalle, e con el escapa tamén a causa.
A investigación social rigorosa non naceu para desmentir o “sentido común” ou para impor un punto de vista concreto de xeito férreo, nin moito menos é un saber baleiro: a vida social é un fenómeno multifactorial conformado por moitos elementos interconectados que non sempre se poden aprezar a simple vista. O que parece froito do azar esconde unha estrutura, o que parece meramente individual agocha uns determinantes contextuais e sociais... e así poderiamos continuar cun longo listado.
Dotar de ciencia ó eido social, empregando unha metodoloxía sólida, sexa esta cualitativa ou cuantitativa, é unha condición imprescindíbel para producir coñecemento sólido e real, capaz de transformar a realidade da que provén, obxectivo fundamental do campo: unha ciencia que se queda só no ámbito académico, nas publicacións, conferencias... é unha ciencia que renuncia á súa propia razón de ser. A investigación social só ten sentido cando volve á comunidade da que saíu, ben sexa en forma de análise e avaliación dunha política pública concreta para a súa modificación de ser preciso, de mellora dunha intervención nunha poboación concreta, como creación de protocolos que axudan a persoas con problemáticas concretas, ou cando dá voz a colectivos tradicionalmente sen ela, entre outras moitas casuísticas.
Por iso, e por moito máis, a investigación social é hoxe máis importante e relevante ca nunca, se cabe: porque todo o mundo é quen de mirar, pero sen dúbida, ver é moito máis importante.
Detalles
data
CategorÍA
GETS-IT
lECTURA
3 minutos
Autoría

Gabriel Iglesias Caride
Investigador no IISGS
Psicólogo Social e doutor en Educación, Deporte e Saúde pola UVigo. Investiga en saúde pública con metodoloxía cuantitativa. É investigador no IIS Galicia Sur e profesor na Universidade de Burgos.
NovAs relacionadas


